Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentan nun concerto en Brión o seu último disco

12:44 Concello de Brión 0 Commentarios



Infobrion.com   

A Romaría de Santa Minia está ás portas. Os vindeiros días 26, 27 e 28 de setembro regresa unha das festas populares con maior tradición da bisbarra. O venres 28, e como colofón das celebracións deste ano, a Carballeira da Santa acollerá un gran concerto a cargo do músico Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, Xabier Díaz, que na actualidade reside na brionesa parroquia de Bastavales, atesoura unha longa carreira profesional no mundo da música tradicional chea de éxitos. Formou parte de agrupacións tan coñecidas e relevantes como Rumbadeira, Nova Galega de Danza, aCadaCanto ou Berrogüetto.

Asemade, colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. A súa presenza nos escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Zimbawe, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

Despois do éxito internacional acadado co disco "The tambourine man" (2015), regresa acompañado polo grupo Adufeiras de Salitre para presentar en Brión o seu novo traballo discográfico "Noró". Un álbum que profunda nas nosas raíces musicais a través dunha revisión do seu traballo de investigación e recuperación da tradición musical galega.

Xabier, acompañado polos irmáns Javier e Gutier Álvarez (acordeón, violín e zanfona) e as once integrantes de Adufeiras de Salitre, que dan voz e percusión ao grupo, actuarán en Brión o venres 28 de setembro nun recital de entrada libre que dende as 22:30 h. encherá a Carballeira de Santa Minia cos sons dunha música sólida e ancestral retrato sonoro dun norte no que habitamos e que nos define.

0 coment�rios: